Desta vez vólvovos levar da fronteira cara o outro lado para amosarvos un sitio que descubrín moi recentemente. Xa visitara a cidade de Guimarães en varias ocasións e é un lugar que me gusta especialmente xa que conxuga á perfección beleza e historia.
Precisamente foi un de vós o que me recomendou visitar a Serra da Penha e non mo pensei dúas veces. Situada a cinco quilómetros en coche ou 10 minutos en teleférico, esta montaña sitúase a 617 metros de altitude e conta con 60 hectáreas de área verde, e que área!
Uns penedos xigantescos con camiñiños e escaleiras que os serpentean dominan as vistas da cidade. Casualidades da vida cheguei cando o sol estaba a piques de esconderse e non puido ser máis máxico.
Ademáis do Santuário da Penha podemos atoparnos coa Gruta da Nossa Senhora de Lurdes, unha escultura adicada a Pío IX, diferentes miradores e fontes e cursos de auga que confiren unha paz e tranquilidade sen igual.











