Este roteiro circular de pouco máis de 20 km discorre case totalmente polo concello de Covelo, aínda que pasa por un punto no que conflúen os concellos de Covelo, Avión, Carballeda de Avia e Melón, situado na serra do Faro de Avión.
O roteiro comeza en Cende, Prado, e conta cun tramo inicial de subida no que radica a única dificultade do sendeiro. Os camiños están limpos e son bos de andar sendo gran parte dos mesmos pistas de terra, algúns entre muíños eólicos.
Aínda que a zona carece de sombra, case sempre corre algo de vento o que fai máis levadeira a andaina.
Aproximadamente no km 8 alcanzamos o Faro de Avión coas súas impresionantes vistas, e no km 12 pasaremos pola Capela da Virxe da Xestosa que conta cunha zona sombría onde poder repoñer forzas e comer algo.
Sobre o km 17 por fin chegaremos á fermosa fervenza de Parrelos onde podemos refrescarnos e prepararnos para o tramo final.
En caso de non poder camiñar tanto, é posible chegar aos principais puntos de interese deixando o coche en sitios máis próximos aínda que é inevitable ter que andar un pouco.











