Este roteiro circular, duns 9 quilómetros escasos de lonxitude, achéganos a lugares realmente singulares coma o Pazo de Bouzas (lamentablemente en estado ruínoso), ou o castelo de Parada, onde os máis ousados sitúan o Monte Medulio e que nos ofrece unhas vistas inigualables sobre o río Miño.
No noso camiño atoparemos tamén curiosas formacións rochosas, entre as que destaca unha delas coa inscrición SICENATA PACATA, enigma arqueolóxico aínda sen resolver e cun amplo abano de teorías sobre a súa procedencia e significado. Tamén coñeceremos aldeas típicas coma a de San Salvador ou Parada.
Todo o roteiro está en perfecto estado, limpo, bastante ben sinalizado e conta con paneis explicativos nos principais puntos de interese. A maioría do mesmo decorre por zonas sombrías, co cal é idóneo para días de calor, excepto pola cantidade esaxerada de mosquitos 

! Avisados quedades. E tan só quero engadir un pequeno segredo a maiores… cando comezades a ascender despois do pazo de Bouzas, se saídes do camiño á man dereita, a escasos metros atravesando o monte, atoparedes as antigas bodegas do pazo, realmente impresionantes!

