Teño que recoñecer que Soajo é un lugar especial para min e non é sen razón. A súa beleza, historia, enclave, patrimonio e múltiples atractivos naturais que posúe, fan que estea perdidamente namorada desta vila.
Pertencente ao municipio de Arcos de Valdevez e ubicada nunha das vertentes da Serra de Soajo, é moi coñecida polo seu núcleo de 24 hórreos construídos sobre unha xigantesca lousa de granito (clasificados como Inmoble de Interese Público) e aínda en uso hoxe en día algúns deles. O máis antigo está datado de 1782.
Tampouco decepciona o seu casco histórico, co Largo do Eiró e o seu peculiar “pelourinho”, as súas casas antigas ben preservadas e a súa igrexa. E é que Soajo foi vila e sede do municipio entre 1514 e mediados do século XIX e, no 2009, foi novamente elevada á categoría de vila. Hoxe en día conta con numerosos servizos como casas de turismo rural, restaurantes e comercios.
En canto aos espazos naturais, os meus favoritos son o Poço Negro, o Poço das Mantas e as pozas que o río Adrão forma ao seu paso. Todos eles son ideais para o baño no verán e dignos de ser visitados en calquera altura do ano pola súa beleza.
E sabedes que? Ata ten unha raza orixinaria de vaca (a vaca cachena da Serra de Soajo) e tamén de can. De feito, do Municipio e Montaria Real da vila de Soajo saían todos os anos, para os reis de Portugal, cinco grandes e valentes cans de Soajo. Estes cans foron os vixiantes dos palacios dos reis e parques do reino de Portugal durante sete séculos!
Soajo é punto de chegada da etapa 6 da GR 50, que ten inicio en Mezio, e punto de partida da etapa 7 que se dirixe cara Lindoso. Tamén conta con variadas rutas de menor percorrido que permiten coñecer mellor a vila e os seus arredores, coma a dos Caminhos do Pão e Caminhos da Fe que nos deixa unha fermosa panorámica do lugar.
Espero que vos guste! 

























