Soutos de castiñeiros e sequeiros. O Camiño do Monxe. Ribeira Sacra. Galicia.

Veredes ao longo deste camiño que serán numerosos os soutos que atravesaremos, coas impoñentes figuras dos castiñeiros coma protagonistas e sendeiros que se abren paso entre os mesmos para desfrute do camiñante.
E como vos imaxinaredes, non están aló de casualidade. O castiñeiro foi e é unha árbore moi preciada, empregada na cestería, carpintería, construción, para cociñar e para quentarse. Da súa cortiza extraíanse os taninos, usados no curtido das peles. Tamén desta mesma e das súas follas eran feitos remedios medicinais para a disentería, diarrea, problemas de gorxa e tose. As súas follas servían para estrar os animais ou cubrir as hortas para evitar o crecemento de malas herbas. E qué dicir do seu froito, a castaña, considerado un alimento básico durante moito tempo.
Unha vez recollida, procedíase a secala nunhas construcións chamadas sequeiros, que contaban con dous espazos diferenciados. Un superior, a caniceira, na que se esparcían as castañas. E un inferior, o remoleiro, no que se facía un lume encargado de secalas pouco a pouco co fume (este proceso podía durar entre 8 e 15 días). Unha vez secas, metíanse nun saco de estopa e golpeábanse contra un cepo de madeira para tirarlles a casca. Remexíanse nun badoxo para separar o froito seco e almacenábanse para o seu consumo o resto do ano.
Aínda podemos ver os restos de algún sequeiro no noso percorrido e nas inmediacións do Mosteiro de Santo Estevo hai varios. Ahí vos van unhas fotiños á espera de que vos gusten!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *