Subida ao monte de San Nomedio dende a igrexa de Taboexa. Concello de As Neves. Galicia. Parte 1.

Hoxe tráiovos esta proposta circular de pouco máis de 11 quilómetros de lonxitude e que, aínda que conta cunha primeira parte de subida seguida dunha segunda de baixada, carece de grande dificultade e ofrece numerosos e curiosos atractivos.
Xa no noso punto de partida atoparemos a primeira xoia, a singular igrexa de Taboexa, dende onde ascenderemos cara a ermida de San Bartolomeu, ao sur do castro de Altamira. Un pouco máis enriba descubriremos a capela de San Nomedio e un impresionante miradoiro natural que nos ofrece unha ampla panorámica de toda a zona de día e de todo o ceo de noite, xa que é un dos observatorios nocturnos do Condado Paradanta. E como podemos ver polo vértice xeodésico, chegamos ao punto máis alto. Dende aquí só queda baixar, desfrutando das fermosas vistas, até chegar ao conxunto de muíños que coloca o broche final a este interesante roteiro.
Todo o camiño está perfectamente limpo e decorre por pistas boas na súa maioría. Hai dúas fontes onde refrescarse pero non para beber, ou polo menos non pon en sitio ningún que sexa auga potable. E a sinalización desta ruta que fixen non existe, aínda que hai outra marcada que ten tramos en común coa miña. Déixovos coma sempre o meu track no Wikiloc para que vos sirva de apoio, no perfil “De Cabo a Rabo”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *