Hoxe vou compartir con vós un roteiro especial para min. Especial porque, dende ben cativa, este pico foi escenario de fondo de moitos bos momentos e risas a fartar ao carón da mellor compañía do mundo.
Existen varios roteiros pola zona que nos achegan ata aquí, pero o máis sinxelo é dende o lugar de Feás, no que nuns tres quilómetros vos colocades á altura da Aguioncha. Como vos podedes imaxinar, o camiño de ida é todo a subir, nada imposible de facer e por sendeiros bos e limpos, así que non queixarse. Podedes ir e voltar polo mesmo lado ou seguir algún dos roteiros que se abriron, aínda que recomendo levar algún tipo de apoio pois a sinalización é deficitaria.
O pico da Aguioncha atópase a 1239 metros de altitude e forma parte da Reserva da Biosfera Gerês-Xurés. E como curiosidade, direivos que aínda que para min é un lugar que evoca unha paz sen igual, no século X tivo lugar aló a primeira guerra civil galega, a batalla de A Aguioncha.

