Torre-Pazo de Guimarei

O Camiño da Geira e dos Arrieiros.
De Codeseda ata A Estrada.
Cando vos describía fai uns días este tramo, comentábavos que rodeaba a Torre de Guimarei. Pois ben, xa fai un tempo que vos falei deste lugar, pero hoxe vouvos refrescar un pouquiño a memoria.
A Torre, declarada Ben de Interese Cultural, do século XII e de planta cadrada, sufriu o ataque dos irmandiños no século XV. A súa altura ronda os quince metros e adosada a esta atopamos os restos do Pazo de Guimarei, do século XVII e co Señor del Villar de Payo Muñiz, Antonio de Mosquera Novoa, como primeiro residente do mesmo.
Sobre a porta principal do Pazo, un impresionante escudo no que podemos ver a inscripción “Villar”. Cuns 34 metros de lonxitude, aínda podemos apreciar no seu interior, a un lado, dependencias como a cociña, unha impoñente cheminea, os servizos e outras estancias. E ao outro lado, o que intúo que deben ser espazos para o gando.
Tamén se poden ver dentro dos límites da propiedade outras edificacións anexas que seguramente irían destinadas aos animais.
Actualmente pertence a mans privadas e atópase nun estado de deterioro moi avanzado, desgraciadamente 😔.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *