Esta fermosa aldea que fai fronteira con Galicia, constitúe o punto final da Gran Rota Peneda Gerês GR 50, que atravesa o Parque Nacional portugués, e é o punto de partida da Gran Ruta Transfronteiriza Gerês – Xurés, pola parte galega, que pecha o anel coa anterior. A súa ubicación privilexiada ofrece vistas cara os picos da Serra de Gerês e do Larouco. Á beira do encoro de Salas e rodeada por prados, lameiros e carballos, a súa beleza paisaxística é máis que evidente.
Pero non só será a paisaxe a que chame a nosa atención, senón tamén a súa arquitectura tradicional ben conservada, patente nas súas construccións, as súas rúas empedradas, a capela de Santa Ana e a Igrexa Matriz de São Pedro (do século XII aínda que con reconstruccións posteriores), o Muíño da Presa, a Ponte Medieval e a antiga Casa do Boi do pobo, actual Ecomuseo do Barroso. Especial mención merece o forno comunitario, realmente espectacular, construído totalmente en pedra e de visita obrigatoria. No seu día, coceu o pan para varias persoas e serviu de espazo de convivencia entre os veciños do pobo. Mágoa que se perdera a actividade daqueles tempos.
Aínda que foi e é unha aldea agrícola e gandeira, a súa economía complementouse durante xeracións coa práctica do contrabando, que se mantivo ata mediados do século XX. Tamén forma parte da historia do Couto Mixto e o Camiño Privilexiado, do que xa vos falei, e valeu de vía de escape para exiliados políticos. E para os que sodes da miña idade ou máis vellos, este pobo sempre quedará na nosa memoria pola súa actividade comercial. Todas as casiñas tiñan unha tenda na súa parte inferior na que moitas familias galegas, coma é o caso da miña, aproveitaban para abastecerse durante as fins de semana.






















