Tras os pasos do Río Barbeira – Ruta da Liberdade

Este roteiro circular duns 18,5km comeza o seu percorrido na desembocadura do río Barbeira no Verdugo.
Sinalizado perfectamente en branco e verde, atravesa as aldeas do Peso, As Chozas, San Lorenzo, Barbeira e Laxedo.
Entre San Lorenzo e Barbeira a propia ruta fai un pequeno tramo de ida e volta para visitar un foxo do lobo. Por experiencia previa noutro roteiro, o camiño para chegar a este está cheo de maleza, así como o propio foxo case inapreciable entre a mesma, razón pola cal recomendo suprimilo.
Na aldea de Laxedo, non obstante, recomendo pararse un pouco máis, coñecer a súa historia e a historia de Manuel Barreiro Cabanelas, así como achegarse a ver o que queda do grupo escolar fundado polo mesmo en 1915.
Despois de Laxedo, seguindo o roteiro, veremos un desvío á man esquerda cara un sendeiriño e un letreiro que nos indica un peto de ánimas e os pasos do río Verdugo. O sitio é moi fermoso e está a só uns metros. Un lugar idílico para refrescarse, mollar os pés ou simplemente contemplar a natureza e relaxarse.
Os camiños son todos eles espectaculares, ideais para a tempada de verán pois a arboreda proporciona sombra constante. Non obstante, en época de choivas, non teño claro que se poida realizar este roteiro sen mollar os pés.
Como curiosidade comentar que a súa realización correspondeu na súa meirande parte aos internos do centro penitenciario da Lama e tamén a veciños voluntarios.
Moi recomendable! ❤😎

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *