Sodes moitos os que me pedides que vos recomende unha ruta ou me preguntades polas miñas favoritas. Como suporedes, esta pregunta non é moco de pavo! Son numerosos os camiños percorridos ata agora e cada vez é máis difícil a elección. Pero como son muller que non esquiva ningunha pregunta, ao longo dos próximos días vou compartir con vós o meu Top 10, tanto a un lado da fronteira coma ao outro! Aínda que as fotografías non son destes días, ningunha delas ten demasiado tempo. Comezamos por Portugal!
Pese a que non son de repetir roteiros, teño que dicir que este xa o fixen unhas cantas veces e a razón está clara. Alén das paisaxes que nos ofrecen o Planalto da Mourela e os curiosos penedos da Serra do Gerês, os camiños tradicionais da zona lévannos ata xoias coma o Mosteiro de Santa Maria das Júnias, as Caldeiras de Pereira, unha impresionante fervenza, un foxo do lobo de dimensións máis que considerables, a capela de Sao João da Fraga, antigas choupanas de pastores e a aldea vella de Juriz. Isto por non falar da propia aldea de Pitões das Júnias, na que é obrigatorio deterse e apreciala polo miúdo.
Circular e duns 18 quilómetros de lonxitude, está perfectamente sinalizada e conta con camiños en bo estado, pese a que podemos atopar auga nalgúns puntos concretos en épocas de choiva. Non é un roteiro sinxelo pero paga a pena o esforzo. Prometido!
Espero que vos guste! 

