Trilho dos Poços Verdes. Sete Lagoas

Hoxe vouvos falar dun sitio que queda ao outro lado da fronteira pero moi pretiño da nosa Galiza e é totalmente recomendado para estes días de calor.
O roteiro é circular, duns 10,5km, e xusto no punto intermedio conta con sete lagoas formadas pola caída do río Cávado (aínda que agora que non hai moita auga hai moitas máis pozas nas que poder bañarse).
Aínda que o sendeiro é circular, en días de moita calor ou tempadas de choiva, recomendo facer a ida e volta polo mesmo lugar xa que o roteiro cruza o río dúas veces atravesando penedos, co cal co nivel de auga máis alto penso que sería inviable ou cando menos perigoso. E en días calurosos porque non conta practicamente con sombra a ningún dos dous lados pero o camiño de ida é bastante mellor e máis sinxelo que o de volta.
Dito isto, a ruta está perfectamente sinalizada, os camiños están limpos e bos de andar. Conta con subida e baixada case de xeito constante pero moi levadeira no tramo de ida e un pouco máis técnica no de volta se se fai circular.
Sae do pobo de Xertelo e da para ver unha fermosa paisaxe a cada metro, as formacións rochosas resultado do traballo do río Cávado, e un foxo do lobo e miradouro cunhas vistas excepcionais.
En caso de non querer ou poder camiñar, pódese chegar en coche ata preto das lagoas por un camiño de terra.
Estou segura de que vos gustará! ❤

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *