O Tea, o Xabriña e o Aboal, son os ríos que vivifican coas súas augas a Mondariz. Todos eles contan con paseos fluviais quilométricos perfectamente acondionados para gozar das súas ribeiras e están incluídos na Rede Natura 2000.
Hoxe concretamente vouvos falar do Sendeiro do Tea. A través de sete quilómetros lineais escasos, ou catorce ida e volta, percorreremos interesantes puntos deste río. Acompañaremos ao Tea dende a praia fluvial das Pías ata a praia fluvial do Curuxón.
Atravesaremos a Ponte da Poeira, que probablemente reciba o seu nome do po que provocaba o antigo muíño que se levanta a súa beira. Queda anegada con frecuencia nos invernos polas enchentas do río, e foi a única que comunicaba as parroquias de Riofrío, Frades, Toutón e Gargamala coa vila de Mondariz ata a construcción da Ponte do Val, a seguinte no camiño despois da praia fluvial do Val.
Esta praia está considerada a principal praia fluvial de Mondariz, equipada con merendeiro, aseos, aparcamento, área de servizo para autocaravanas, pistas polideportivas e quiosco.
E un pouco máis adiante a icónica Ponte da Cernadela, da que vos falarei máis longo e tendido mañá pois dá para unha entrada propia! Ao cruzar a ponte, un pouquiño máis adiante, outra praia fluvial e un impoñente muíño.

















