Se o derradeiro día que vos falei deste antigo trazado romano quedamos na Saínza, hoxe imos ir 15 quilómetros máis aló, ata o miliario que hai en Zadagós. Nesta parte hai tramos que se sabe con exactitude por onde decorría a vía romana e outros nos que se pode presupor. Achégovos unha proposta para coñecer os principais puntos de interese desta parte sen separarvos en gran medida do trazado orixinal. Coma sempre, queda o meu track de ruta no Wikiloc a vosa disposición.
No noso percorrido pasaremos por Vilar de Santos, onde destaca a súa igrexa románica, pertencente anteriormente á aldea abandonada de Saa e o Museo da Limia. Dende ahí colleremos cara Vilariño das Poldras, onde nos sorprenderá un ben conservado forno comunal, unha casa pacega e unha sinxela pero fermosa capela. Continuamos ata os tres miliarios do Campo da Lama e de ahí ao Pazo Telleiro, que conta cun impresionante escudo barroco e un pombal xusto diante. Atravesando Couso da Limia chegaremos a Sandiás, onde se impón a súa igrexa de estilo gótico tardío, unha fonte e lavadoiro e a Casa da Lagoa, visita que quedou pendente para outro día, sí ou sí. Deixando a nosa dereita a Torre do Castro, a que vos recomendo achegarvos se non a coñecedes, continuamos cara A Corga, que conta con outro forno comunal rehabilitado, e Zadagós, onde remataremos o noso traxecto cun impresionante miliario. Como vedes, atractivos non faltan.
Todo o camiño está limpo, conta con pistas de terra e tramos de asfalto xa que pasa por moitas aldeas, e ten tramos coincidentes co roteiro de Sandiás e tamén co Camiño de Santiago. Non existe sinalización de ningún tipo polo que son a vosa única opción
! Hai tramos de sol e sombra, non ten desnivel algún e en case todas as aldeas tedes cafetería onde refrescarvos e hidratarvos. Ahí vos quedan unhas fotiños.

