Esta etapa, duns 20 quilómetros de lonxitude, presume de valiosas xoias entre as que destacan especialmente pola súa singularidade a igrexa de Santa Comba ou dentro do patrimonio etnográfico as pozas de aire de Vilela. Igrexas, capelas, cruceiros, eiras de canastros de madeira, antigos lavadoiros, fornos comunitarios e unha curiosa ponte son tan só algúns dos elementos que nos ofrecen as aldeas de Santa Comba, Quintela, Lobosandaus, Vilela, Xordos, Nigueiroá, Garabelos, As Campinas e Barrio. Un desvío opcional ofrécenos a posibilidade de visitar As Termas e o campamento romano Aquis Querquennis. E os que me seguides habitualmente xa sabedes o que vos vou dicir… visita obrigatoria!!!
No que ten a ver coas paisaxes, a variedade é a protagonista. Densas forestas autóctonas, bosques de piñeiros e tramos descubertos que nos permiten deleitarnos con amplas panorámicas coma a do encoro das Conchas, farán que o camiño resulte do máis entretido. Excepto un pequeno tramo ao pasar a zona de Güín na que imos dicir que as silvas son demasiado sociables, o resto do percorrido está limpo e bastante ben sinalizado. Así e todo déixovos coma sempre o meu track de ruta no Wikiloc. Polo resto conta con pequenas subidas e baixadas que non revisten grande dificultade.
Ahí vos quedan unhas fotiños para ver se vos animades! 

