Vía Nova ou Vía XVIII. De Bracara Augusta a Asturica Augusta. Tramo entre Sobradelo e Foncuberta. Galicia.

Esta etapa que vos propoño hoxe, duns 14 quilómetros de lonxitude, aproxímase na maior medida posible ao antigo trazado romano sen perder os puntos de interese máis próximos. Así é que desfrutaremos da fermosa e ampla panorámica que nos ofrece o banco da Pinceira, da arquitectura tradicional galega da zona nas aldeas de Sobradelo, na que cabe destacar a curiosa fachada da súa igrexa; Meamán, con dúas fontes lavadoiros e unha igrexa de 1794; Froufe, con hórreos de madeira perfectamente conservados, singulares casas, unha capela e outra espectacular fonte lavadoiro; Vide, con igrexa e fonte lavadoiro con hórreo incluído e Foncuberta, que nos recibe cun miliario con inscripción visible, cruceiro e peto de ánimas!
Entre Vide e Foncuberta captará totalmente a nosa atención o Santuario dos Milagres de Monte Medo, lugar de peregrinaxe e romaría ao que, ano tras ano, acuden miles de devotos na procura de axuda ou como mostra de agradecemento.
Todo o camiño está limpo excepto uns metros entre o banco da Pinceira e a estrada, no que algún toxo e silva sairán a recibirvos. Conta con bastante tramo asfaltado e as zonas de sombra non son abundantes. Iso sí, en todas as aldeas teredes auga para refrescarvos. A sinalización é totalmente ausente, xa que isto non deixa de ser unha proposta de roteiro no que se tenta seguir os pasos romanos e desfrutar dos novos atractivos da zona. Coma sempre, queda o meu track de ruta no Wikiloc no perfil “De Cabo a Rabo”. Espero que vos guste! 🥰

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *