Con 14 quilómetros escasos de lonxitude, preséntovos este roteiro que camiña polas proximidades da antiga Vía Nova para ensinarnos aldeas tradicionais coma Vide, Xocín ou Foncuberta. Con atractivos coma as súas antigas edificacións, que reflexan á perfección a arquitectura tradicional galega, ermidas, hórreos, muíños, fornos e até un miliario con cruz e peto de ánimas, conseguirán engaiolarnos. E como non, o maxestuoso Santuario da Nosa Señora dos Milagres, que conta as súas costas cunha espectacular estampa da Serra de San Mamede.
Todo o camiño está limpo e ben conservado, alternando estreitos sendeiros con pistas de terra e algún tramiño de asfalto. Tamén pasa a beira dunha pequena lagoa! Iso sí, non existe sinalización algunha. Déixovos coma sempre o meu track de ruta no Wikiloc por se queredes seguilo. Aínda que hai algo de subida para chegar ao santuario, do que vos falarei nunha publicación propia, carece de grande dificultade. O camiño conta con bastante sombra o que o fai factible en días de verán. Espero que vos guste! 

