Vilarelho da Raia. “Pobos Promiscuos”. Portugal

Esta poboación, a beira de Lama de Arcos, un dos pobos promiscuos do cal vos falei onte, tamén ten moito que ofrecer. Alén da súa historia, conta con varios atractivos que a fan digna dunha visitiña. A súa entrada podemos ver o Antigo Posto da Guarda Fiscal, en uso ata o ano 1988, situado estratexicamente para facer cumprir, evitar e reprimir as infraccións fiscais.
Tamén as tres capelas coas que conta esta aldea, unha en cada entrada / saída de Vilarelho. A de Santa Catarina é a máis antiga, a do Senhor das Almas, na saída para Chaves, e a de Nossa Senhora das Neves, na saída cara España. Esta última foi edificada no 1771 por unha familia fidalga e non se atopa no seu lugar de orixe actualmente. Pero tal vez sexa a Igrexa Parroquial de São Tiago a que acapara máis olladas. Cunha longa historia ás súas costas, este templo de orixe románico atópase hoxe en día ben preservado e envolto por un conxunto de cruceiros que forman o Calvario.
O seu forno comunitario tampouco vos deixará indiferentes, coa data de 1880 perfectamente visible a un lado da porta, e ao outro, unha figura para espantar ao demo. Conta a aldea cun museo etnográfico da Freguesia de Vilarelho da Raia, que non tiven o pracer de visitar debido ao seu horario, e tamén un centro social e cultural que é o palco principal das actividades recreativas e culturais da zona.
Sae de aquí o roteiro de vilarelho da Raia PR8CHV, circular, de 17,5km e un tempo estimado de execución de cinco horas e media. Quedoume pendente así que non vos podo contar moito máis del!
Espero que vos guste! ❤️🥰

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *